Monday 29 de April de 2024

Rueda destaca que as axudas da Xunta para que a xuventude obteña o carné de conducir xa beneficiaron a preto de 4.000 mozos


– Avanza que se incrementará o orzamento desta liña de subvencións de cara a vindeiras convocatorias para chegar a máis beneficiarios

– Subliña que as achegas van dos 400 aos 1.300 euros para os permisos de coche, camión ou autobús

– Recorda as liñas habilitadas polo Goberno galego para apoiar os máis novos, con axudas ao emprendemento, conxelando as taxas universitarias, co Bono alugueiro mocidade ou con accións para mellorar a súa inserción laboral a través do Plan Emprega Xuventude

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que as axudas da Xunta para que a xuventude obteña o carné de conducir xa beneficiaron a preto de 4.000 mozos nos últimos anos. Nunha visita á Autoescola Grupo San Martín de Culleredo, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o mandatario galego subliñou que as achegas van dos 400 aos 1.300 euros para os permisos de coche, camión ou autobús.

Son moitas as motivacións para obter o carné, sexa por autonomía, como unha inversión de futuro ou para acceder ao mercado laboral. De feito, o presidente da Xunta subliñou que “é un requisito case imprescindible para optar a moitos postos de traballo”. Sabendo da importancia deste permiso para a mocidade galega, a Xunta habilitou unha liña de axudas pola que asume o 50% do custe medio da súa obtención. Desta maneira, uns 3.800 menores de 30 anos recibiron unha achega para sacar o carné nos dous últimos anos.

Perante o éxito desta iniciativa, Alfonso Rueda avanzou que o Goberno galego incrementará o orzamento destas axudas en próximas convocatorias. Ademais, ata o momento o investimento nestas tres edicións do programa foi de 2,2 millóns de euros. Sobre a última, que aínda está en resolución, o presidente da Xunta indicou que xa se recibiron case 4.000 peticións, das que a metade xa están tramitadas.
As contías serán de 400 euros para o carné de coche, 650 para o de camión e 1.300 para o do transporte de pasaxeiros, tendo en conta que, como novidade, na última convocatoria incluíuse tamén a financiación do carné de autobús.

O mandatario galego recordou que a Xunta traballa a diario para que a poboación poida vivir no lugar que cada un elixa, para o que é imprescindible dispor de oportunidades para construír un futuro, especialmente os máis novos. Coa finalidade de que a mocidade sexa quen de emanciparse e de facer realidade os seus proxectos de vida, o Goberno galego habilitou diferentes liñas de axudas para apoialos, como as achegas ao emprendemento, conxelando as taxas universitarias, co Bono alugueiro mocidade ou con accións para mellorar a súa inserción laboral a través do Plan Emprega Xuventude.